Stanley Kubrick & György Ligeti: unha odisea audiovisual

Con motivo da celebración do centenario do nacemento do compositor húngaro György Ligeti (1923-2006), a Fundación Luis Seoane acolle unha sesión especial dedicada a analizar a presenza da súa obra en tres das longametraxes do cineasta Stanley Kubrick (1928-1999): 2001: A Space Odyssey (1969), The Shining (1980) e Eyes Wide Shut (1999).

O valor simbólico que o realizador americano concedía á música de Ligeti, e a capacidade de pezas como Musica ricercata (1951-53), Atmosphères (1961), Aventures (1962), Requiem (1963-65), Lux aeterna (1966) ou Lontano (1967) para converter determinadas escenas en momentos inesquecibles da historia do cine son algúns dos aspectos nos que afondarán o guionista Javier Trigales e o crítico musical Paco Yáñez durante a octava edición do ciclo.

Para asistir, é necesario realizar unha inscrición previa no teléfono 981 216 015 (capacidade limitada).

Bios

Javier Trigales é guionista de cine e televisión. Coguionista de VIEJOS, longametraxe seleccionada na sección oficial do Festival Fantasia de Montreal, Fantastic Fest de Austin e Festival Internacional de Sitges, é autor dos guións das curtametraxes Eco, El Semblante ou Caraoscura, seleccionados e premiados en multitude de festivais nacionais e internacionais. Na súa traxectoria, ten traballado como comisario e programador de festivais, mostras e ciclos, e como docente, para universidades, escolas de cine, museos e centros culturais. En 2019 dirixiu a programación do Festival Internacional Cineuropa. Na actualidade, traballa no guión da no guión da próxima longametraxe do cineasta Velasco Broca.

Paco Yáñez desenvolve a súa actividade creativa a través da fotografía, a música, o cine e a literatura. É autor das novelas …distancias… (Baía Edicións, 2008) e contra(de)cadencia (Laiovento, 2014; EdictOràlia, 2021), e de notas para discos e concertos, ensaios, entrevistas e críticas musicais, destacando a súa colaboración coa revista Scherzo e con Mundoclasico.com. Como conferenciante, interviu en conservatorios, auditorios e espazos culturais como o Festival Internacional de Música de Takefu, a Universidade de Santiago de Compostela, o Auditorio de Galicia, o MARCO de Vigo, a Fundación Luis Seoane ou o CGAC.  No eido cinematográfico, colaborou na realización dos documentais Correspondencias sonoras (2013) e Enrique X. Macías. A lira do deserto (2020), obras de Manuel del Río.

Actividades actuais

Somos o que lemos
/
Actividade
Lugares de novela. Paul Auster
Obradoiro de literatura
/
Actividade
Tempo de escritura
Obradoiro de escritura
/
Actividade