María Manuela Roca Calvo, máis coñecida como Maruja Roca, naceu no ano 1912 no concello lucense de Castro de Rei, un lugar de tránsito para unha familia acomodada de industriais que viña de Guitiriz, e que catro anos despois se establecería en Baralla, vila na que, ao pé da N-VI, monta un café con fonda no primeiro andar. Sen estudos superiores, ese balcón ao mundo do mostrador dun bar naqueles tempos foi sen dúbida determinante para formar a súa singular ollada.
A obra de Maruja Roca ficou practicamente esquecida ou tan só na memoria das xentes de Becerreá. Tiveron que ser Nieves Neira, sobriña neta de Maruja, e Eutropio Rodríguez, quenes compilaron máis de 100 fotografias durante o proceso de investigación que tivo como resultado no ano 2020 a edición do libro O Feitizo de Maruja Roca a cargo de aCentral Folque.
A súa fotografía sorprende pola súa calidade e estilo, especialmente pola capaciade de fabulación e por como os seus desexos máis profundos traslucen en cada imaxe. Os textos de Nieves Neira contextualizan o traballo da fotógrafa e, xunto coa edición fotográfica desenvolta por Eutropio, fan desta edición un acto de xustiza e recoñecemento a unha artista excepcional.
O xoves 27 de maio, ás 20:00 horas, con motivo da presentación do libro O Feitizo de Maruja Roca editado por aCentral Folque, a Fundación Luis Seoane acollerá un acto multidisciplinar en no que participarán o fotógrafo Eutropio Rodriguez, a poeta Nieves Neira Roca e os músicos Pablo Sanmamed e Iago Mouriño. A entrada é libre, previa reserva no teléfono 981 216 015 (prazas limitadas).
+ info: