Do 22 ao 28 de xaneiro, a Fundación Luis Seoane acollerá o ciclo de cine Novas_Visións (arredor do cinema de xénero), unha iniciativa promovida pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña que, ao longo dunha semana, ofrecerá ao público a posibilidade de disfrutar dunha serie de películas independentes realizadas entre os anos 2011 e 2016 que obtiveron éxito de crítica e público no seu momento, ou que se converteron en filmes de culto co paso do tempo, grazas en gran medida á súa difusión a través de plataformas non convencionais fora das salas de cine, ao apoio da Nova Crítica ou, sinxelamente, do boca a boca entre afeccionados. Coordinado por María Núñez e Tonecho Otero, directores do FKM Festival de Cinema Fantástico da Coruña, o ciclo Novas Visións proxectará no salón de actos da Fundación unha selección de sete películas que, dalgunha maneira, conseguiron reformular diferentes xéneros cinematográficos clásicos, como o cine de terror, o thriller ou a ciencia ficción. Ao rematar cada unha das proxeccións, os coordinadores do ciclo moderarán un debate co público asistente, aos que se sumarán, durante a última sesión do día 28, a directora de cine Olga Osorio, a debuxante e ilustradora Emma Ríos e o guionista e crítico de cine Javier Trigales.
A asitencia ao ciclo é gratuíta ata completar capacidade. No pdf seguinte é posible consultar programación e horarios: