Tras o éxito da primeira edición, a Fundación Luis Seoane acolle o segundo Encontro de Síntese Modular da Coruña MODULARTEC, un evento que aposta pola composición e a creación musical electrónica con sintetizadores que contará nesta ocasión cunha programación centrada nas diferenzas entre os primeiros sintetizadores e os actuais, no proceso de transformación da música ao traducila á linguaxe electrónica, e na transcripción e execución do son en máquinas previamente configuradas.
A cita, que terá lugar o sábado 23 de novembro, comezará ás 19:30 horas coa ponencia La traducción del lenguaje musical al entorno electrónico y la creación de música clásica ejecutada por instrumentos electrónicos y síntesis modular a cargo do docente e especialista en música electrónica Francisco Parga, presentada por Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses, experto en música de síntese e ex alumno de Parga. Tras este acto, o DJ, músico e produtor alemán Jan Jelinek, unha das figuras máis destacadas da música electrónica contemporánea, ofrecerá un concerto ao que seguirá a intervención do DJ, músico e produtor coruñés afincado en Londres Suso Flores. O evento, de acceso libre, rematará ás 24:00 horas.