Cita imprescindible coa música electrónica elaborada con sintetizadores, MODULARTEC, o Encontro de Síntese Modular da Coruña celebra este ano a súa cuarta edición cunha programación que se desenvolverá o día 2 de outubro en diferentes espazos da cidade.
O encontro dará comezo ás 12:00 horas cunha mesa redonda no Castelo de San Antón, prólogo á actuación da compositora, artista e intérprete granadina Yamila, que se desenvolverá a partir das 17:00 horas na igrexa das Capuchinas. O compositor e investigador galego Artur M. Puga abrirá ás 19:00 horas as intervencións no patio da Fundación Luis Seoane. Tras él, o británico Robin Rimbaud, Scanner, unha das figuras máis destacadas da arte sonora a nivel internacional, ofrecerá un concerto que dará paso ás propostas de Michel des Airlines, proxecto do madrileño Miguel A. Ruiz. Finalmente, o electro analóxico de Fabio Vinuesa pechará esta edición de MODULARTEC.
A información sobre a nova edición de MODULARTEC está dispoñible a través deste pdf: Modulartec_2021_G, así como na web do encontro modulartec.gal