Publicado pola editorial Comunicación Social na súa colección Periodística, La radio informativa en España. De la censura a la libertad é un percorrido trepidante pola historia da radio informativa no noso país desde 1939 ata a actualidade. A aparición da figura do censor e o seu papel determinante na supervisión e difusión dos contidos, o monopolio informativo de Radio Nacional, e a transformación da radio coa aprobación en 1978 da Constitución española, que garantiría a partir dese momento a liberdade de expresión a través do seu Título I son algúns dos temas nos que afonda Domingo González González neste libro. Con preto catro décadas de profesión ás súas costas en medios como Radio Nacional de España, Televisión Española ou El Correo Catalán de Barcelona, entre outros, o xornalista galego relata neste volume unha parte complexa da historia do xornalismo en España de maneira amena, case a xeito de documental radiofónico.
Na presentación deste xoves, o autor estará acompañado por Diego Carcedo, figura fundamental do xornalismo español. Testemuña de excepción de momentos chave do século XX e autor de reportaxes míticas como o estalido da Revolución dos Claveis en Portugal en 1974 ou a caída de Saigón ao ano seguinte, Carcedo desenvolveu o seu labor profesional dentro de medios estatais como Televisión Española, onde chegaría a ser Director dos Servicios Informativos, ou a mesma Radio Nacional, que dirixiría durante 6 anos.
A entrada ao acto, que terá lugar o 30 de novembro ás 19:30 horas no auditorio da Fundación Luis Seoane, é libre ata completar capacidade.