Javier Martín. Método negro. Aproximacións 1 e 2

/

Durante dous días consecutivos, a Fundación Luis Seoane acollerá o proxecto de investigación en comunidade da coreografía método negro de Javier Martín, que se estreará en 2018, dúas xornadas nas que se abrirá a creación do solista, considerado como un dos coreógrafos máis singulares do panorama español, mediante a mostra de dous fragmentos que conformarán a peza, actualmente en evolución, unha verdadeira oportunidade para compartir a intimidade dos procesos de creación, así como o seu correlato teórico, e impulsar a crítica aberta entre os asistentes. Desenvolvida en lugares tan singulares como os Centros de Residencia Eira e Polo das Gaivotas en Lisboa, o Museo do Chopo na Cidade de México ou a ETSAC-Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, método negro ábrese ao público por vez primeira coa intención de acompañar e soster a afinación das súas texturas a nivel de movemento. O calendario das sesións abertas ao público será o seguinte: venres 27 de outubro, 20:30 horas: aproximación uno + encontro co espectador; sábado 28 de outubro, 12:30 horas: aproximación dous + encontro co espectador.

Javier Martín abre o seu traballo de investigación e creación artística ás comunidades dos lugares nos que actúa, como a UNAM en Cidade de México, o Festival Gogol de Kiev, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, o Teatro Alexandrisky de San Petersburgo, o Theatro-Circo de Braga, a Universidade da Sorbona en París, os Teatros Colón e Rosalía de Castro na Coruña, etc., desenvolvendo encontros, grupos de investigación, conferencias e seminarios, coa fin de levar a danza e as artes do movemento a diferentes tipos de público, construíndo redes en cada un dos espazos nos que intervén, ofrecendo unha programación expandida no propio lugar de exhibición, así como noutros lugares anexos. A súa actuación na Fundación Luis Seoane forma parte do proxecto de investigación que dará forma final a esta coreografía, unha proposta que evolucionará con cada unha das aportacións que xeneran a súas representacións a través da propia experiencia do artista e das contribucións do público, e na que nesta ocasión, o coreógrafo e bailarín empregará os volumes, luz e elementos da sala de exposicións principal da institución como parte dunha coidada escenografía, nun espectáculo que toma como referencias os escritos do filósofo danés Soren Kierkegaard, así como a obra de artistas como Jannis Kounellis, Félix González-Torres, Christian Boltanski, entre outras citas, e no que a música corre a cargo de compositores coma Leyland Kirby ou Nick Cave.

A entrada é libre.

+ info: www.javiermartín.com

Actividades actuais

Somos o que lemos
/
Actividade
Grupo de Estudos
Transición ecosocial e desexo
/
Actividade
Literatura e memoria
Obradoiro de escritura
/
Actividade