INTERSECCIÓN- Festival de Arte Audiovisual Contemporánea regresa este ano á Fundación Luis Seoane cunha edición dedicada por vez primeira a un eixo temático que xira ao redor do urbano, a cidade e a arquitectura. Entre os días 22 e 31 de outubro, o certame ofrecerá unha programación que contarán cun amplo abano de artistas nacionais, como Aitor Gametxo e Félix Fernández, e internacionais como Sophio Medoidze ou Caterina Vasconcelos, entre outros.
Seccións
INTERSECCIÓN conta nesta edición con dúas seccións: Trazados, tránsitos e cidadelas e Planetario. A primeira é un espazo dedicado á análise crítica de diferentes aspectos relacionados co urbano, a arquitectura e a cidade que incluirá unha exposición e tres sesións nas que se proxectarán obras de Sabrina Ratté, Randa Maroufi, Clara Aparicio e Susane Wiegner.
Planetario estará dedicada ao cine de cúpula, unha proposta que converte a INTERSECCIÓN no primeiro festival galego que dedica unha sección a este formato, na que se poderán ver os traballos de autores procedentes de distintos países nunha experiencia audiovisual inmersiva e envolvente. As proxeccións programadas no Planetario amosarán unha gran variedade de recursos técnicos, como a animación 3D, o videomapping, o stop motion, etc., e incluirán dúas sesións para o público infantil.
Toda a información de INTERSECCIÓN pode consultarse a través do enlace seguinte: interseccion.gal