[AVISO: Matrícula pechada. As prazas desta actividade están cubertas. Non se admiten máis inscricións.]
A Fundación Luis Seoane acolle unha vez máis a celebración do Congreso Internacional Arte e Educación, que este ano expande por vez primeira a súa programación a outras dúas sedes: o Teatro Colón e a Casa Picasso. Artes pola paz e educación en dereitos humanos é o título da terceira edición desta iniciativa dirixida por José María Mesías da UDC que forma parte das actividades promovidas polo Concello da Coruña con motivo da celebración do 50 aniversario do pasamento de Pablo Picasso, e que ao longo de dúas xornadas ofrecerá conferencias, obradoiros e un roteiro cultural ao redor de cinco eixos temáticos: Arte para a Paz, Os procesos artísticos como defensores dos Dereitos Humanos, Os procesos artísticos e a educación artística: accións, estratexias e impacto, Os proxectos pedagóxicos e os Dereitos Humanos e Deseño de espazos educativos como xeradores da Cultura da Paz.
Luis Seoane e Picasso
En abril de 1949, Luis Seoane asiste como integrante da delegación arxentina ao Congrès Mondial des Partisans de la Paix en París, un encontro organizado por intelectuais de 75 países co obxectivo de debatir acerca da paz mundial. Alí coñecerá a Pablo Picasso e visitará o seu obradoiro na Rue des Grands-Agustins. Ese mesmo ano, o artista galego asistirá en Londres a un congreso acerca da integración das artes no que participan o historiador e crítico de arte Herbert Read e o escultor Henry Moore, entre outros. Ambos congresos servirán agora como punto de partida para afondar na importancia das artes como ferramentas da defensa dos Dereitos Humanos, a educación e a cultura da paz.
A matrícula para asistir ao III Congreso Internacional Artes e Educación é gratuíta. Para asistir, só é necesario encher o formulario que figura ao final deste texto e envialo ao enderezo de correo electrónico artes.educacion@fundacionluisseoane.gal
+ info:
Congreso_internacional_arte_e_paz_2023
Descargar_formulario_inscrición