Un outono máis a Fundación Luis Seoane formará parte das sedes que acollerán a programación do Festival de Cinema Fantástico da Coruña FKM, nunha nova edición, a oitava, na que o certame ampliará a súa duración dunha semana a nove días en total, nos que o público poderá disfrutar de proxeccións, mesas redondas, obradoiros infantís, exposicións, masterclasses, concursos, estreas exclusivas, presentacións de libros e as xa clásicas Zombiewalk, dedicada nesta ocasión ao recentemente falecido George Romero, e Vídeoregueifa. Como novidade destacada, o FKM, que este ano estará centrado na figura de Satán, inaugurará Cinemafetus, unha sección competitiva para curtametraxes experimentais e celebrará unha vez máis o seu concurso de guións en língua galega.
No que respecta á programación que se desenvolverá na Fundación Luis Seoane, ademais da Vídeoregueifa, que baixo o título Diablos e Satanases enfrontará nesta ocasión aos humoristas e guionistas Nico Campos e Enrique Lojo e aos creadores desta sección do festival, Tonecho Otero e Alberto Guitián, o FKM organizará un encontro co Panamá Horror Film Fest, así como dúas masterclasses: unha primeira con Luciano Tovoli, director de fotografía de Suspiria de Dario Argento, longametraxe que abrirá o festival, e outra co director de cine Koldo Serra.
Ademais, a Fundación acollerá a proxección do documental Herederos de la Bestia de Diego López e David Pizarro, un encontro ao redor das tipoloxías endémicas da muller no cinema de terror moderado por María Nuñez, codirectora do certame xunto a Tonecho Otero; a sección Cinemafetus e tres mesas cadradas ao redor da arquitectura do inferno, as artes de Satán e a imaxe da besta na pantaia a través da obra de Kenneth Anger, cuxa obra será obxecto dunha sesión especial na que se proxectarán varias das súas películas en formato 16 mm., o satanista Anton LaVey e unha das súa figuras de referencia, o célebre Aleister Crowley.
+ info:
Festival de Cinema Fantástico da Coruña FKM. Programación completa