O Festival de Cinema Fantástico da Coruña FKM regresa á Fundación Luis Seoane cunha nova edición que inclúe sesións matinais, proxeccións, mesas “cadradas”, masterclasses, obradoiros para os máis pequenos, concursos internacionais de longametraxes, curtametraxes e guións, sesións dobres, e as súas xa célebres Zombiewalk e Vídeoregueifa. Precisamente, esta última, xunto á exposición Bella Muerte que amosa debuxos orixinais da ilustradora e debuxante de cómics galega Emma Ríos, constitúen as dúas actividades da programación deste clásico do calendario cultural da cidade que terán lugar na Fundación Luis Seoane.
O vindeiro 24 de outubro, ás 21:00 horas, o debuxante e ilustrador Manel Cráneo (A Coruña, 1973) e o escritor e guionista John Tones, seudónimo de Pedro Berruezo (Murcia, 1976) protagonizarán unha unha intensa Vídeoregueifa cuxo tema este ano será Estraterrestres de aquí e de alá. Ambos farán un repaso por toda unha antoloxía de extraterrestres presentes en películas, series, debuxos animados, parodias, anuncios, vídeoblogs, documentais, programas de televisión, informativos, vídeos amateur, etc., dentro deste popular formato no que dous convidados preparan unha sesión de vídeos de internet ao redor dun tema proposto, proxectándoos alternativamente coma nun combate por asaltos. A entrada é libre ata completar capacidade.
Festival de Cinema Fantástico da Coruña FKM. Programación completa