No ano 2020, a BEAU Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo premiou cinco traballos levados a cabo por estudos de arquitectura e arquitectos galegos. Dende as marxes nace co obxectivo de dar visibilidade a estes traballos e, nun sentido máis amplo, á arquitectura realizada en Galicia na actualidade. O estudo e análise destes proxectos polos equipos que os levaron a cabo centrarán as diferentes sesións deste curso, que tentará ampliar a súa difusión e visibilización cubrindo deste xeito a ausencia de crítica especializada sobre a materia no noso país.
É significativo o feito de que non haxa publicacións dedicadas á arquitectura contemporánea en Galicia, e que os medios de comunicación case non se interesen por ela. Este curso reinvindica o diálogo como ferramenta para a difusión da arquitectura galega máis recente. Unha mirada curiosa e crítica á profesión, unha vontade de escoitar, de ollar, de ver, de saber que fixeron e que están a facer outros arquitectos. Un marco aberto ao encontro e ao coñecemento.
Ademais dos cinco representantes locais, o curso contará coa presenza doutros profesionais de fóra de Galicia, a maioría deles premiados nesa mesma bienal. Durante dez sesións establecerase un diálogo entre os premiados, unha serie de convidados que realizarán unha achega crítica á súa obra e o público, que poderá participar na conversa moderada polo arquitecto Carlos Pita, director do curso.
A entrada ao curso é libre ata completar capacidade.
Próxima sesión:
Xoves 29 de febreiro, 19:30 horas. Encontro e conversa con Fuertes Penedo (Iago Fernández Penedo + Óscar Fuertes Dopico) e Sergio Sebastián.