Entre os meses de outubro e decembro, a Fundación Luis Seoane acollerá unha nova edición do ciclo Pensamientos urxentes coordinado por Javier Pintor, un espazo de reflexión e intercambio de ideas ao redor da paisaxe social dos nosos días que pretende analizar o carácter inmediato da información no mundo actual, que arrebata a posibilidade de afondar acerca de cuestións fundamentais para o conxunto da cidadanía. A través das obras de autores actuais, abordaranse diferentes aspectos do pensamento contemporáneo coa fin de identificar e debater cuestións que están definindo os procesos de construción derivados das sociedades posmodernas.
A segunda edición do ciclo dará comezo o mércores 9 de outubro coa intervención do escritor Xavier Güell, quen falará do seu libro Yo, Gaudí (Galaxia Gutenberg, 2019). O martes 19 de novembro terá lugar a presentación do ensaio El infinito en un junco (Siruela, 2019), un percorrido pola historia dos libros da man de Irene Vallejo e, finalmente, o 18 de decembro, o filósofo Javier Gomá pechará o ciclo coa súa última obra, Dignidad (Galaxia Gutenberg, 2019). A entrada é libre ata completar capacidade.