Formulado como un espazo experimental de creación e encontro con artistas, Cara a cara nace co obxectivo de establecer vías de comunicación entre oito creadores locais e o público a través dunha serie de encontros nos que os participantes terán a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo e os procesos creativos de artistas como Xavier Correa Corredoira, Anne Heyvaert, Xurxo Gómez-Chao, Xoán Crujeiras, Rita Rodríguez, Juan Martínez de la Colina, Javier Martín e Moncho Amigo. Ao longo de dezaséis sesións, os asistentes aos obradoiros recibirán unha serie de fundamentos teóricos que porán posteriormente en práctica coa finalidade de levar a cabo un proxecto común, un libro de artista que, ao rematar a actividade, formará parte dunha exposición aberta ao público.