Poucas veces a relación entre música e cine acada unha intensidade poética tan acentuada como na obra do realizador norteamericano Terrence Malick (Ottawa, IL, 1943). O seu traballo é unha polifonía na que a forza da natureza é subliñada a través das creacións de grandes compositores coa fin de sublimar as imaxes para achegalas a súa idea de infinito ou o inefable.
A cuarta edición de A_NEXOS, o ciclo de diálogos ao redor das confluencias entre música e arte contemporánea organizado pola Asociación Cultural AÏS baixo a dirección do compositor Hugo Gómez-Chao, explorará esta relación nunha sesión que contará coa participación do programador, xestor cultural e comisario audiovisual Javier Trigales (A Coruña, 1976) e da pianista Sofia Merchán (Zamora, 1994). O programa centrarase en dúas célebres suites para piano utiizadas por Malick en dúas das súas películas: Cadros para unha exposición de Modest Mussorgsky, incluída na banda sonora de A árbore da vida (2011); e a barcarola Xuño, unha das doce pezas que formaron parte de As estacións Op. 37 de Piotr Illich Tchaikovsky, integrada na longametraxe To the Wonder (2012).
O acceso a esta nova edición de NEXOS é gratuíto. Para asistir, é necesario facer unha reserva previa na Fundación Luis Seoane a través do teléfono 981 216 015 (prazas limitadas).