A loucura do cine

/
Dirección María Donapetry

Baixo esta epígrafe desenvolverase un obradoiro que abordará a representación da loucura na séptima arte atendendo aos puntos de vista e maneiras de achegarse á enfermidade mental dunha serie de cineastas de diferentes épocas, así como os cambios na definición do concepto ao longo do tempo. A selección levada a cabo por María Donapetry inclúe obras fundamentais da historia do cine realizadas por Alfred Hitchcock, Milos Forman, Stanley Kubrick, Michael Haneke ou Jane Campion, entre outros, películas cuxa influencia foi nalgúns casos determinante á hora de cambiar a visión que autoridades e público tiñan das enfermidades mentais. Ao igual que no anterior obradoiro, os alumnos recibirán unhas pautas antes do visionado das películas, que realizarán pola súa conta para, posteriormente, establecer un diálogo co resto de participantes na actividade co obxectivo de poñer en común os seus puntos de vista e desenvolver as súas capacidades críticas.

Para descargar o formulario de inscrición, prema aquí

María Donapetry (Mieres, 1955)
Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Salamanca e doutora en Filoloxía Angloxermánica pola Universidade de Oviedo, María Donapetry desenvolveu a maior parte da súa traxectoria profesional en Gran Bretaña e Estados Unidos. Exerceu como docente de español, literatura española e latinoamericana en diferentes institucións académicas, principalmente nas universidades de Oviedo, Oxford (Inglaterra) e Pomona (California). Os seus intereses como investigadora abranguen diversos campos: cinematografía, estudios culturais e sobre a muller, cine español e latinoamericano, literatura comparada e literatura contemporánea española con especial atención ás autoras. Colaborou en diferentes medios de comunicación e académicos, e escribiu varios ensaios, entre os que destaca Desasosiegos éticos en cine y literatura (Benilde Ediciones, 2017), entre outros.